Últimas novas

xoves, 6 de outubro de 2011

Resultados

Total votos: 108

Votos por candidatura:
43 CIG
43 CCOO
20 UXT
2   nulos

Delegados por candidatura:
4 CIG
3 CCOO
2 UXT
Read more ...

domingo, 2 de outubro de 2011

Presentación candidatura, eleccións do 6 de outubro

O próximo día 6 de outubro @s traballadores de Altia elixirán aos nove membros do seu Comité de Empresa. Estes compañeir@s serán os encargados de canalizar as aspiracións laborais da plantilla de Altia diante da empresa. Un traballo que se debe facer tendo en conta sempre a opinión de toda a plantilla e nunca substituíndo á mesma.
Ademais, tendo en conta o contexto actual, este comité terá que ter unha importante carga reivindicativa para facer fronte aos despedimentos arbitrarios, así como impedir a redución dos dereitos dos traballadores cun convenio de empresa que empeore ó actual convenio (posible por mor da lei de reforma da negociación colectiva). Esta candidatura sempre manterá unha postura conciliadora, buscando solucións xunto coa empresa, consultando ós traballadores e traballadoras, e, como vén demostrando tanto a CIG como cada unha das persoas que compoñen esta lista, defendendo claramente os intereses de tódolos empregados e servindo de apoio cando son despedidos ou desprazados, independentemente de se son ou non afiliados da Central Sindical Galega.
O que se vota o día 6 de Outubro, ademais de ser útil para mellorar ou regular dunha forma máis clara a situación laboral na empresa e evitar abusos patronais, serve tamén para reforzar posturas que buscan que non haxa un retroceso nos nosos dereitos xa que os delegados elixidos serven, tamén, para medir a representación dos sindicatos. Non hai máis que lembrar que mentres outros sindicatos utilizaban a súa representación, conseguida grazas aos delegados e delegadas elixidos nas súas listas nas empresas, para avalar unha reforma das pensións que atrasaba a idade de xubilación aos 67 anos e aumentaba os anos de cómputo para o cálculo das pensións (algo que reduce a pensión final a percibir) a CIG convocaba folgas para reclamar que non se chegase a ese acordo.
Mesmo sendo conscientes deste feito, a CIG saúda as demais candidaturas que se están a presentar, animándoas a seguir a mesma senda que vimos seguindo, denunciando os despedimentos por causas obxectivas que non son tal, pois logo se contratan a 9 traballadores e a empresa sobe a proposta de indemnización de 20 días a 33; ou o desprazamento de persoas do seu centro de traballo sen que se lles avise coa antelación suficiente e sen a xustificación esixida pola lei. Aproveitamos tamén para pedir a solidariedade cós traballadores que foron recentemente despedidos e desprazados, tanto os que son candidatos da CIG, como os que non.
Non nos esquezamos que isto pode pasar a calquera traballador de Altia e é necesario contar con un Comité que estude se existe xustificación para as medidas tomadas pola empresa ou se, pola contra, son arbitrarias e ilegais. En Altia, a CIG presenta unha lista cun equipo que non ten obxectivos persoais e si un compromiso de grupo cos seus compañeiros e compañeiras na empresa, coa intención de achegar o seu tempo e esforzo en beneficio dos demais traballadores e traballadoras. Apostando por unhas siglas, as da Confederación Intersindical Galega (CIG), que @s asesorará e apoiará en todos os asuntos que se requira.
Atentamente, a candidatura da CIG en Altia.
Read more ...

Programa CIG, eleccións 6 outubro

  • Definición e compensación das horas extras.
Inda que o convenio colectivo regula a compensación por horas extraordinarias, na práctica non sempre se aplica. O noso obxectivo é que se recoñezan as horas extraordinarias e se compensen segundo o especificado no convenio ou outros medios máis favorables para o traballador.

  • Revisión e adaptación das categorías profesionais.
Consideramos necesaria unha revisión da correspondencia entre as categorías do convenio e as do plan de carreira de Altia, así como definir uns criterios obxectivos e medibles para acadar cada categoría.

  • Consolidación do plus absorbible, especialmente nos salarios baixos.
Non aprobamos a absorción dos aumentos por Convenio e/ou antigüidade a costa do concepto compensable e absorbible, conxelando así os salarios. Vemos necesaria unha consolidación porcentual periódica que garanta unha mellora salarial anual.

  • Oficialización do horario actual.
Consideramos necesaria a oficialización do horario que de facto está a ser o xeral no centro de traballo de Santiago de Compostela, así como promover a flexibilización da xornada e a semana comprimida, sempre buscando unha mellor conciliación da vida laboral e familiar.

  • Implantación de medidas efectivas de saúde laboral.
É unha das nosas prioridades velar, non só pola prevención de riscos laborais, senón tamén por que os empregados poidan desenvolver a súa actividade nun ambiente adecuado e baixo unhas condicións de traballo xustas.

  • Medidas de fomento do tele-traballo.
O tele-traballo aporta vantaxes tanto para os traballadores (maior autonomía e flexibilidade, redución de custos e tempo de desprazamento, ...) como para a empresa (redución de gastos, espazo de oficina, ...). Vemos positivo, polo tanto, estudar o xeito de implantar técnicas de tele-traballo de xeito efectivo.

  • Plans de formación adaptados as necesidades da empresa.
A formación dos empregados é un valor engadido para empresa, e se esta formación se adapta as necesidades desta aporta unha meirande liberdade a hora de recolocar os empregados entre os distintos proxectos e a mellorar a metodoloxía de traballo empregada no día a día.

  • Revisión dos contratos de permanencia vinculados á formación.
O artigo 21.4 do Estatuto dos Traballadores regula a posibilidade do uso de pactos por parte do empregador para evitar, como excepción, a posibilidade de que o traballador poda exercer o seu dereito a rescindir o unilateralmente a relación laboral. O noso obxectivo é evitar o uso deste tipo de pactos de xeito ilícito ou con carácter abusivo.

  • Bolsa de horas e flexibilidade horaria para a formación persoal.
Cando a perda de horas de traballo por formación sexa recuperable cremos que o emprego de bolsas de horas pode ser unha alternativa ós contratos de permanencia aplicados na actualidade.

  • Comedor no centro de traballo.
Cando entrou en funcionamento a oficina do Milladoiro comentouse a posibilidade de habilitar un comedor a disposición dos empregados. Actualmente a oficina non dispón dun espazo adecuado para que os empregados que o precisen poidan comer e estase a empregar a sala do café, que resulta insuficiente.

  • Solicitude de beneficios sociais.
Son moitas as empresas que ofertan distintos beneficios sociais (seguros de saúde, servizo de gardería, ...) ós seus empregados como medio de retribución complementario ó salario.
Read more ...
Designed By