O próximo día 6 de outubro @s traballadores de Altia elixirán aos nove membros do seu Comité de Empresa. Estes compañeir@s serán os encargados de canalizar as aspiracións laborais da plantilla de Altia diante da empresa. Un traballo que se debe facer tendo en conta sempre a opinión de toda a plantilla e nunca substituíndo á mesma.
Ademais, tendo en conta o contexto actual, este comité terá que ter unha importante carga reivindicativa para facer fronte aos despedimentos arbitrarios, así como impedir a redución dos dereitos dos traballadores cun convenio de empresa que empeore ó actual convenio (posible por mor da lei de reforma da negociación colectiva). Esta candidatura sempre manterá unha postura conciliadora, buscando solucións xunto coa empresa, consultando ós traballadores e traballadoras, e, como vén demostrando tanto a CIG como cada unha das persoas que compoñen esta lista, defendendo claramente os intereses de tódolos empregados e servindo de apoio cando son despedidos ou desprazados, independentemente de se son ou non afiliados da Central Sindical Galega.
O que se vota o día 6 de Outubro, ademais de ser útil para mellorar ou regular dunha forma máis clara a situación laboral na empresa e evitar abusos patronais, serve tamén para reforzar posturas que buscan que non haxa un retroceso nos nosos dereitos xa que os delegados elixidos serven, tamén, para medir a representación dos sindicatos. Non hai máis que lembrar que mentres outros sindicatos utilizaban a súa representación, conseguida grazas aos delegados e delegadas elixidos nas súas listas nas empresas, para avalar unha reforma das pensións que atrasaba a idade de xubilación aos 67 anos e aumentaba os anos de cómputo para o cálculo das pensións (algo que reduce a pensión final a percibir) a CIG convocaba folgas para reclamar que non se chegase a ese acordo.
Mesmo sendo conscientes deste feito, a CIG saúda as demais candidaturas que se están a presentar, animándoas a seguir a mesma senda que vimos seguindo, denunciando os despedimentos por causas obxectivas que non son tal, pois logo se contratan a 9 traballadores e a empresa sobe a proposta de indemnización de 20 días a 33; ou o desprazamento de persoas do seu centro de traballo sen que se lles avise coa antelación suficiente e sen a xustificación esixida pola lei. Aproveitamos tamén para pedir a solidariedade cós traballadores que foron recentemente despedidos e desprazados, tanto os que son candidatos da CIG, como os que non.
Non nos esquezamos que isto pode pasar a calquera traballador de Altia e é necesario contar con un Comité que estude se existe xustificación para as medidas tomadas pola empresa ou se, pola contra, son arbitrarias e ilegais. En Altia, a CIG presenta unha lista cun equipo que non ten obxectivos persoais e si un compromiso de grupo cos seus compañeiros e compañeiras na empresa, coa intención de achegar o seu tempo e esforzo en beneficio dos demais traballadores e traballadoras. Apostando por unhas siglas, as da Confederación Intersindical Galega (CIG), que @s asesorará e apoiará en todos os asuntos que se requira.
Atentamente, a candidatura da CIG en Altia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario