martes, 11 de marzo de 2014
Reunión do Comité 27/02/2013
Esta reunión comeza tratando o tema do cambio no manual de réxime interno da empresa, na que se fai unha modificación no procedemento a seguir no caso de ausencia do posto de traballo por enfermidade. Este cambio perxudica ós traballadores, xa que se pretende obrigar a que o segundo día que non se vaia a traballar xa se deba solicitar a baixa laboral, co que xa se contará coma un dos 5 días que non se cobrarán no caso de baixa, segundo o convenio aínda vixente, mentres que o primeiro día se entregará xustificante médico. Debido á relevancia deste asunto, e á reacción negativa xeralizada, os delegados da CIG, ante o aprazamento da convocatoria da reunión ordinaria, solicitamos unha reunión dos cabezas de lista de cada sindicato para tratar o tema e falar coa empresa antes de que o prazo de reclamación rematase, pero non se obtivo resposta dos outros membros do comité. Así pois, no momento de celebración desta reunión o prazo estaba a piques de rematar, polo que os delegados da CIG, co seu representante coma asistente na reunión, propoñemos que se solicite urxentemente á empresa que retire a modificación, e que para realizar algún cambio informe antes ó comité. O representante da CIG, para confirmar o prazo para realizar a reclamación no caso de que a empresa non retire os cambios, realiza unha consulta telefónica á asesoría da CIG, que lle advirten que se debe obter resposta da empresa antes do día 3 de marzo para que dea tempo a realizar a reclamación. Por todo esto, solicitamos ó presidente que chame ó representante da empresa para que se pronuncie. Despois de non ser posible contactar no momento da reunión, o día 28 o presidente do comité informa que lle trasladou a petición do comité ó responsable da empresa e que retiran o cambio no manual ata chegar a un acordo.
Por outra banda, poñemos tamén en coñecemento dos outros membros do comité a negativa da empresa coma resposta á nosa petición de que se revise o cálculo da primeira paga extra das novas incorporacións, incorrecto en determinados casos.
Outro dos temas tratados na reunión é a proposta de convenio de empresa. Chégase a unha proposta final con modificacións e aportacións dos diferentes grupos coa intención de presentarlla ós traballadores antes de propoñerlla á empresa.
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Ningún comentario:
Publicar un comentario