Despois dos resultados da consulta ós traballadores sobre como querían que se procedese no relativo ás modificacións que a empresa realizou na xestión e procedemento das ausencias ó traballo por enfermidade, consideramos que esta debía reconsiderar a súa posición e somos partidarios de intentar renegociar. Así, dende o comité informouse á empresa solicitándolle un achegamento de posturas. A empresa indicou que está disposta a un encontro para tratar o tema, xa que a súa intención co cambio é unicamente evitar posibles fraudes. Debido a que o prazo para realizar a reclamación legalmente é de 20 días laborables e que resulta complicado fixar unha data para a reunión entre a empresa e os representantes de cada lista do comité a tempo, os delegados da CIG propuxemos este texto alternativo que podería satisfacer a tódalas partes:
"Enfermidade Común
Cando un empregado non pode acudir ó seu centro de traballo por atoparse enfermo, deberallo notificar á secretaría da súa oficina, que será responsable de facer as comunicacións ó seu responsable de proxecto e ó departamento de administración de Altia (en ningún caso chamará directamente ó cliente ó que estea asignado) dentro da primeira hora da xornada de traballo. É importante que se informe da data prevista de regreso ó traballo. A empresa poderá solicitar, ó seu criterio, a avaliación por parte da mutua do estado de saúde do empregado e solicitar, se é o caso, que a ausencia sexa xustificada mediante xustificante médico ou parte de IT.
Cando o traballador se atopa nesa situación durante un prazo superior a tres días, deberá solicitar ó seu médico de cabeceira na Seguridade Social o parte de baixa, e remitir ó departamento de administración de Altia o exemplar para a empresa no prazo máximo de dous días dende a súa expedición. Se a duración da enfermidade fose superior a sete días, o empregado deberá remitir semanalmente o correspondente parte de confirmación da baixa no prazo máximo de dous días a contar dende a data de emisión.
Os partes poderanse entregar na oficina do traballador ou adiantarse por fax ó número 881893708 e enviar o orixinal por correo postal a:
Departamento de Administración
Avda. da Pasaxe, 32 – 3ª Planta
15006 A Coruña
Cando o traballador recibe a alta médica, deberá remitir ó departamento de administración de Altia o exemplar para a empresa o mesmo día da súa expedición.
No caso de enfermidade leve, cando a súa duración non supere os tres días de ausencia ó traballo, non será necesario a presentación do parte de baixa na Seguridade Social, se ben o empregado deberá informar, en todo caso, da súa situación á empresa, quen poderá pedir o correspondente xustificante médico."
Dende o comité remitíuselle o escrito esta semana á empresa, quedando esta en dar unha resposta o próximo luns. Esperamos que a participación e pronunciamento dos traballadores sobre este tema a través do seu voto os faga recapacitar e que non sexa necesario iniciar o proceso de reclamación xudicial.
Ningún comentario:
Publicar un comentario