Últimas novas

luns, 14 de novembro de 2011

Reunión comité, 10 de novembro

Segundo o previsto, ás 16:00 reúnense por segunda vez os membros do comité cos respectivos asesores de cada un dos sindicatos.

Comézase lendo a acta da reunión anterior para sometela a aprobación de todos. A CIG expón que existen algunhas inexactitudes sobre o tema dos traslados de persoal da oficina de Vigo a Santiago, polo que se queda en realizar as modificacións e enviala posteriormente.

O segundo tema a tratar é o do regulamento do comité. Foran enviadas dúas propostas, unha da CIG e outra de UXT. Decídese comezar lendo a da CIG por ser a primeira en recibirse e tratar punto por punto comparando para obter unha co mellor cas dúas e completar co que se estime oportuno. O resultado final coas modificacións aprobarase na próxima reunión.

Outro dos puntos a tratar na orde do día era escoller os delegados de prevención. A CIG e CCOO propoñen que cada grupo teña un, co que Carlos Mallón, Ana Castro e Carlos Ulibarrena son os designados. 

A continuación, o presidente expón a información que obtivo sobre os traslados, conseguida unha vez consultado un dos afectados e a empresa. Esta, xustifica os traslados por causas obxectivas e organizativas, co que o cambio ó centro de Vigo producirase cando exista un posto no que encaixe o traballador, non admitíndose a situación anterior de traballar para proxectos de Santiago dende Vigo (só hai un trasladado actualmente, xa que o outro decidiu presentar a baixa na empresa).


Finalmente, proponse unha data aproximada para a próxima reunión dentro dun mes, e que os puntos a tratar que se queiran incluir se lle comuniquen ó secretario. A CIG recorda que se faga formalmente a solicitude de información á empresa, segundo o estatuto dos traballadores e, máis concretamente, a documentación sobre as cláusulas que se inclúen nos novos contratos así coma as que se lle fan asinar para algúns cursos de formación ós traballadores.

Read more ...

domingo, 13 de novembro de 2011

Reunión de constitución do comité

O mércores, día 2 de novembro, constituíuse o Comité de Altia. CCOO e UXT adxudicáronse  Presidencia (para CCOO) e Secretaría (para UXT), votándose mutuamente as súas propostas.

A CIG propuxo realizar un posicionamento sobre os traslados previstos para o día 7 de novembro de traballadores de Vigo a Compostela. Informou que os traballadores afectados viñan realizando as súas funcións en Vigo, nalgún caso desde fai dous anos sen ningún tipo de impedimento, e que a empresa decidiu realizar o seu traslado por segunda vez este definitivo, de forma unilateral, despois de que a inspección de traballo resolvese que o seu centro de traballo era o de Vigo e ordease o retorno ó mesmo dous días antes das eleccións. CCOO propuxo que se solicitara información sobre todos os traballadores que teñen acordos polo que están desempeñando as súas funcións en centros de traballo distinto a aquel para o que foron contratados, ademais da información sobre o traslado dos traballadores de Vigo.

A CIG comprometeuse a presentar unha proposta de Regulamento de funcionamento do Comité e o resto de forzas dixeron que tamén o farían.
Read more ...

xoves, 6 de outubro de 2011

Resultados

Total votos: 108

Votos por candidatura:
43 CIG
43 CCOO
20 UXT
2   nulos

Delegados por candidatura:
4 CIG
3 CCOO
2 UXT
Read more ...

domingo, 2 de outubro de 2011

Presentación candidatura, eleccións do 6 de outubro

O próximo día 6 de outubro @s traballadores de Altia elixirán aos nove membros do seu Comité de Empresa. Estes compañeir@s serán os encargados de canalizar as aspiracións laborais da plantilla de Altia diante da empresa. Un traballo que se debe facer tendo en conta sempre a opinión de toda a plantilla e nunca substituíndo á mesma.
Ademais, tendo en conta o contexto actual, este comité terá que ter unha importante carga reivindicativa para facer fronte aos despedimentos arbitrarios, así como impedir a redución dos dereitos dos traballadores cun convenio de empresa que empeore ó actual convenio (posible por mor da lei de reforma da negociación colectiva). Esta candidatura sempre manterá unha postura conciliadora, buscando solucións xunto coa empresa, consultando ós traballadores e traballadoras, e, como vén demostrando tanto a CIG como cada unha das persoas que compoñen esta lista, defendendo claramente os intereses de tódolos empregados e servindo de apoio cando son despedidos ou desprazados, independentemente de se son ou non afiliados da Central Sindical Galega.
O que se vota o día 6 de Outubro, ademais de ser útil para mellorar ou regular dunha forma máis clara a situación laboral na empresa e evitar abusos patronais, serve tamén para reforzar posturas que buscan que non haxa un retroceso nos nosos dereitos xa que os delegados elixidos serven, tamén, para medir a representación dos sindicatos. Non hai máis que lembrar que mentres outros sindicatos utilizaban a súa representación, conseguida grazas aos delegados e delegadas elixidos nas súas listas nas empresas, para avalar unha reforma das pensións que atrasaba a idade de xubilación aos 67 anos e aumentaba os anos de cómputo para o cálculo das pensións (algo que reduce a pensión final a percibir) a CIG convocaba folgas para reclamar que non se chegase a ese acordo.
Mesmo sendo conscientes deste feito, a CIG saúda as demais candidaturas que se están a presentar, animándoas a seguir a mesma senda que vimos seguindo, denunciando os despedimentos por causas obxectivas que non son tal, pois logo se contratan a 9 traballadores e a empresa sobe a proposta de indemnización de 20 días a 33; ou o desprazamento de persoas do seu centro de traballo sen que se lles avise coa antelación suficiente e sen a xustificación esixida pola lei. Aproveitamos tamén para pedir a solidariedade cós traballadores que foron recentemente despedidos e desprazados, tanto os que son candidatos da CIG, como os que non.
Non nos esquezamos que isto pode pasar a calquera traballador de Altia e é necesario contar con un Comité que estude se existe xustificación para as medidas tomadas pola empresa ou se, pola contra, son arbitrarias e ilegais. En Altia, a CIG presenta unha lista cun equipo que non ten obxectivos persoais e si un compromiso de grupo cos seus compañeiros e compañeiras na empresa, coa intención de achegar o seu tempo e esforzo en beneficio dos demais traballadores e traballadoras. Apostando por unhas siglas, as da Confederación Intersindical Galega (CIG), que @s asesorará e apoiará en todos os asuntos que se requira.
Atentamente, a candidatura da CIG en Altia.
Read more ...

Programa CIG, eleccións 6 outubro

  • Definición e compensación das horas extras.
Inda que o convenio colectivo regula a compensación por horas extraordinarias, na práctica non sempre se aplica. O noso obxectivo é que se recoñezan as horas extraordinarias e se compensen segundo o especificado no convenio ou outros medios máis favorables para o traballador.

  • Revisión e adaptación das categorías profesionais.
Consideramos necesaria unha revisión da correspondencia entre as categorías do convenio e as do plan de carreira de Altia, así como definir uns criterios obxectivos e medibles para acadar cada categoría.

  • Consolidación do plus absorbible, especialmente nos salarios baixos.
Non aprobamos a absorción dos aumentos por Convenio e/ou antigüidade a costa do concepto compensable e absorbible, conxelando así os salarios. Vemos necesaria unha consolidación porcentual periódica que garanta unha mellora salarial anual.

  • Oficialización do horario actual.
Consideramos necesaria a oficialización do horario que de facto está a ser o xeral no centro de traballo de Santiago de Compostela, así como promover a flexibilización da xornada e a semana comprimida, sempre buscando unha mellor conciliación da vida laboral e familiar.

  • Implantación de medidas efectivas de saúde laboral.
É unha das nosas prioridades velar, non só pola prevención de riscos laborais, senón tamén por que os empregados poidan desenvolver a súa actividade nun ambiente adecuado e baixo unhas condicións de traballo xustas.

  • Medidas de fomento do tele-traballo.
O tele-traballo aporta vantaxes tanto para os traballadores (maior autonomía e flexibilidade, redución de custos e tempo de desprazamento, ...) como para a empresa (redución de gastos, espazo de oficina, ...). Vemos positivo, polo tanto, estudar o xeito de implantar técnicas de tele-traballo de xeito efectivo.

  • Plans de formación adaptados as necesidades da empresa.
A formación dos empregados é un valor engadido para empresa, e se esta formación se adapta as necesidades desta aporta unha meirande liberdade a hora de recolocar os empregados entre os distintos proxectos e a mellorar a metodoloxía de traballo empregada no día a día.

  • Revisión dos contratos de permanencia vinculados á formación.
O artigo 21.4 do Estatuto dos Traballadores regula a posibilidade do uso de pactos por parte do empregador para evitar, como excepción, a posibilidade de que o traballador poda exercer o seu dereito a rescindir o unilateralmente a relación laboral. O noso obxectivo é evitar o uso deste tipo de pactos de xeito ilícito ou con carácter abusivo.

  • Bolsa de horas e flexibilidade horaria para a formación persoal.
Cando a perda de horas de traballo por formación sexa recuperable cremos que o emprego de bolsas de horas pode ser unha alternativa ós contratos de permanencia aplicados na actualidade.

  • Comedor no centro de traballo.
Cando entrou en funcionamento a oficina do Milladoiro comentouse a posibilidade de habilitar un comedor a disposición dos empregados. Actualmente a oficina non dispón dun espazo adecuado para que os empregados que o precisen poidan comer e estase a empregar a sala do café, que resulta insuficiente.

  • Solicitude de beneficios sociais.
Son moitas as empresas que ofertan distintos beneficios sociais (seguros de saúde, servizo de gardería, ...) ós seus empregados como medio de retribución complementario ó salario.
Read more ...

martes, 20 de setembro de 2011

Calendario electoral do 9 de setembro do 2011

09/09/2011   Exposición censo provisional.
12/09/2011   Fin prazo exposición censo provisional.
13/09/2011   Presentación reclamacións.
14/09/2011   Resolución reclamacións. Publicación definitiva censo.
15/09/2011   Inicio prazo presentación candidaturas.
23/09/2011   Fin prazo presentación candidaturas.
26/09/2011   Proclamación provisional candidaturas.
27/09/2011   Proclamación provisional candidaturas.
28/09/2011   Reclamación candidaturas.
29/09/2011   Resolución reclamacións. Proclamación definitiva.
30/09/2011   Inicio campaña electoral.
04/10/2011   Fin campaña.
05/10/2011   Xornada reflexión.
06/10/2011   Votación (14:00 - 17:00)
Read more ...

domingo, 3 de xullo de 2011

Razóns para asistir á asamblea de mañá...

Porque vai haber empanada!
Non, vai ser que non (xa sei que é unha pena xa...).
Non vos imos saciar con comida, pero si con información sobre cambios que nos van afectar a todos moito máis do que incluso eu mesma cría hai pouco. Fálovos da última reforma da negociación colectiva aprobada recentemente. Os cambios que se introducen van facer que de agora en adiante a tódalas empresas lles interese especialmente eso de ter un comité... por que? ... moi sinxelo: permítese que as decisións que a empresa tome coa súa aprobación teñan prioridade sobre o convenio ou outras normas existentes, incluso, e aquí está o cambio, aínda que empeoren as condicións dos traballadores, algo que ata agora era, simplemente, ilegal. Incrible, pero real.
Así que nunca coma neste momento foi tan importante ter claro quen é a xente que está no teu comité. O que pensa e as súas ideas. Saber como reaccionarán se hai despidos, ou se á empresa se lle ocorre que o sábado é un bo día para traballar ou que se lle paga un 5% menos a cada un terá o peto máis cheo.
Está nas túas mans. Votar sabendo a quen lle votas. Ti decides.
Read more ...

mércores, 22 de xuño de 2011

Programa electoral CIG Altia Santiago

Estas son as liñas xerais do programa da candidatura ó comité de empresa pola CIG. Algúns deles son bastante concretos, mentres que  con outros se nos ocorren moitas maneiras de levalos adiante (horario, beneficios sociais...). Por eso volo expoñemos aquí: queremos que todo o mundo participe e dea as súas propias ideas ou matices sobre estes que para nós son puntos de partida.

A nosa idea de comité é inseparable da vosa colaboración. Tódolos traballadores debemos ser escoitados e representados:  as decisións que se tomen serán as decisións de todas e todos. Como vos dicía, nós mesmos pasamos horas debatindo e pensando en múltiples posibilidades, en todo o que nos gustaría mellorar. Sen embargo, hai que ser conscientes de estas son unhas metas altas. Hai puntos que só implican certa regulación na aplicación de medidas que xa se levan a cabo actualmente, mentres outras requerirán máis traballo e diálogo, capacidade de negociación da empresa e os traballadores.

Igual que os que formamos esta lista o fixemos movidos pola ilusión de facer algo que mellorase as cousas para tódolos que están e os que veñan, o que consigamos será froito do traballo e da unión de todos os que formamos esta empresa. Dito esto, esperamos que vos animedes a participar. 

  • Concreción e compensación das horas extras
  • Oficialización do horario actual
  • Medidas de fomento do teletraballo
  • Plans de formación adaptados ás necesidades da empresa
  • Revisión dos contratos de permanencia vinculados á formación
  • Consolidación do Plus absorbible, especialmente os dos salarios máis baixos
  • Revisión e adaptación das categorías profesionais
  • Solicitude de beneficios sociais
  • Implantación de medidas efectivas de saúde laboral
  • Comedor no centro de traballo
  • Bolsa de horas e flexibilidade horaria para a formación
  • Medidas que eviten despedimentos e perda de dereitos.
Read more ...

luns, 20 de xuño de 2011

Aclaracións sobre os despidos en Altia

Sendo conscientes de que se están a difundir diferentes versións sobre o despedimento por parte de Altia de 5 traballadores do centro de Santiago de Compostela, dende a candidatura da CIG, da que forman parte os despedidos, queremos aclarar varios puntos sobre o acontecido.
Os 5 despedidos traballan para o mesmo proxecto de Altia, proxecto do que forman parte 22 persoas, e que remata o 30 de xuño. O novo concurso ofertado polo cliente abarca un volume de traballo para 15 persoas e deixa de impoñer á empresa a adaptación dos traballadores ó horario do cliente. Altia gañou este novo concurso, obtendo na parte técnica unha puntuación de 45 sobre 50. Dita parte técnica foi realizada, en gran medida, por dous dos traballadores despedidos, para o que tiveron que adicar horas fora da xornada e traballo e incluso fins de semana. 
Posteriormente á resolución de dito concurso, o 31 de maio, Altia comunicou o despido ós 5 traballadores alegando causas obxetivas, é dicir, cunha indemnización de 20 días por ano traballado. Os argumentos expostos pola empresa para a designación dos despedidos foron os seguintes:
• Titulación: os despedidos son un Licenciado en Económicas, un Licenciado en Informática, un Licenciado en Física e dous Enxeñeiros Técnicos en Informática. Titulacións que conforman o 53% da plantilla da empresa.
• Dificultade na recolocación en outros proxectos: 3 dos 5 despedidos teñen participado en anteriores ocasións noutros proxectos. Ademáis a empresa estaba a ofertar no momento dos despedimentos 35 postos de traballo, algúns deles nos que non se require experiencia. En ningún momento a empresa ofreceu a posibilidade dun cambio de proxecto a ningún dos despedidos, nin ningún deles manifestou o seu desacordo co cambio de proxecto e/ou de horario.
• Salarios: existe disparidade entre os salarios dos despedidos.Non pode considerarse causa obxetiva de despido os supostos altos salarios dos traballadores cando a empresa está a facer gala dos seus excelentes resultados económicos no exercicio 2010 e con perspectivas de crecemento. Os afectados son traballadores con anos de experiencia, responsabilidade e capacidade de traballo que ata agora foran puntos valorados pola empresa e cunha retribución acordes ós mesmos, obviamente concedida pola propia empresa.
Sen máis, dende a candidatura da CIG a Comité de Empresa en Altia, recordar que a lista continúa aberta a quen queira unirse, e que para calquera dúbida relacionada coa candidatura oou co proceso de eleccións sindicais estamos a vosa disposición no grupo CIG-Altia (http://groups.google.com/group/cig---altia ou http://www.facebook.com/home.php?sk=group_137884829619670).

Read more ...

Únete á candidatura da CIG en Altia

A principios de  Marzo a Confederación Intersindical Galega convocou na oficina de Altia en Santiago de Compostela unha asemblea aberta a toda a plantilla de traballadores e traballadoras co fin de dar a coñecer o sindicato, informar sobre a posibilidade de convocar eleccións sindicais para a formación dun Comité de Empresa, e proporcionar os datos de contacto para que para que calquera traballador ou traballadora interesado en participar nunha candidatura promovida pola central sindical puidera solventar as súas dúbidas.


Posteriormente, o día 31 de Marzo, convocouse unha nova asemblea aberta, tamén na oficina de Altia, para animar ós asistentes a participar nunha candidatura. Nesta asemblea houbo compañeiros que manifestaron as súas reticencias sobre a opinión da empresa, ou as posibles medidas disciplinariais que puidese tomar. Non obstante, a CIG instou a quen se atrevese a dar o paso a que ó comunicase ben por teléfono ou ben por correo electrónico, para manter a privacidade de cada ún.


Finalmente, o 18 de Abril, a CIG convocou unha nova reunión, esta fóra da empresa, na que algúns traballadores decidiron firmar a candidatura. Se lles informou que, escoitadas as reticencias que algúns traballadores manifestaron nas asembleas e tendo en conta o precedente de Plexus[1] e outras empresas, considerábamos que o máis prudente era completar a lista da forma máis discreta posible pero incluíndo a todas as persoas que foron manifestando o seu interese en ser membro da mesma. Os propios interesados, conscientes de que o mellor para todos e ter un comité verdadeiramente representativo de tódolos traballadores, puxéronse en contacto e intentaron que xente que actualmente se atopa desprazada no cliente ou que pertencían a distintos proxectos en Altia se implicase na formación da lista.


Cando se completou a lista se informou á empresa do nome dos seus membros para evitar calquera tipo de medida antisindical en contra dos seus integrantes. Nembargantes a lista segue aberta a calquera persoa que queira participar.


A día de hoxe, despois de que estes compañeiros e compañeiras deran o paso e puxeran o seu nome nunha lista para un proceso de eleccións sindicais, que permitirá a creación dun Comité de Empresa en Altia, escoitando as inquedanzas dos compañeiros e compañeiras que non se atrevían a facelo polas posibles repercusións na empresa, pensamos que xa non existen motivos para que os demais traballadores e traballadoras non amosen o seu apoio ó compromiso que mostraron con todos. A lista da CIG segue aberta para todos aqueles e aquelas que queiran participar. Cantos máis sexamos, máis plurais seremos.


Anímate!


[1] No pasado mes de Decembro a CIG preavisou para o inicio do proceso de eleccións sindicais á empresa Plexus cunha candidatura de máis de 30 traballadores. Plexus, ó ser coñecedora da existencia da candidatura rescindiu o contrato a cinco traballadores, incluído o cabeza de lista, provocando a dimisión de varios outros e deixando a CIG cunha candidatura de a penas 8 membros, insuficiente para participar nas eleccións sindicais a un Comité de nove.
Read more ...
Designed By