Últimas novas

luns, 12 de maio de 2014

Situación do proceso de reclamación dos últimos cambios no MRI

Despois de remitirlle á empresa dende o comité un comunicado no que se lle propoñía outra opción de modificación no Manual de Réxime Interno que puidese contentar a todas as partes, a empresa rexeitou de novo o intento de acordo, argumentando que non están reducindo dereitos dos traballadores. Ante esta situación, e co prazo para facer a reclamación a piques de rematar pero sen que se dese ningún paso mais, o 9 de abril, delegados da CIG póñense en contacto coa asesoría da mesma, onde lle indican que o prazo é xa moi xusto para presentar esa demanda que deberá ser presentada na Audiencia Nacional, e que se debería contemplar a opción de presentala coma coflito colectivo, xa que o prazo non vencería coma no caso de reclamación por modificación substancial das condicións de traballo. Mentres tanto, varios membros do comité (2 de UGT, 1 de CCOO) decláranse contrarios a presentar ningunha reclamación, a pesar de ter realizado xa a consulta ós traballadores.
Nesta situación, o presidente do comité contacta co grupo da CIG para averiguar que nova información teñen da súa asesoría e pídelles que llo expliquen tamén ó resto membros do comité, así coma as opcións para que se pronuncien.
Así pois, quédase en facer unha reunión do comité na que se deberá decidir se se presentará a reclamación, tal e como decidiron os traballadores, ou non se fará nada, como propoñen varios membros do comité.
Dende a CIG queremos adiantar que a nosa postura será a de acatar a decisión dos traballadores e levar adiante a denuncia. De quedarmos en solitario nesta decisión e sendo minoría no comité, deberemos valorar de novo a situación e a idoneidade de presentarmos ou non a demanda.

Read more ...

sábado, 5 de abril de 2014

Proceso de reclamación dos cambios no MRI

Despois dos resultados da consulta ós traballadores sobre como querían que se procedese no relativo ás modificacións que a empresa realizou na xestión e procedemento das ausencias ó traballo por enfermidade, consideramos que esta debía reconsiderar a súa posición e somos partidarios de intentar renegociar. Así, dende o comité informouse á empresa solicitándolle un achegamento de posturas. A empresa indicou que está disposta a un encontro para tratar o tema, xa que a súa intención co cambio é unicamente evitar posibles fraudes. Debido a que o prazo para realizar a reclamación legalmente é de 20 días laborables e que resulta complicado fixar unha data para a reunión entre a empresa e os representantes de cada lista do comité a tempo, os delegados da CIG propuxemos este texto alternativo que podería satisfacer a tódalas partes:

"Enfermidade Común
Cando un empregado non pode acudir ó seu centro de traballo por atoparse enfermo, deberallo notificar á secretaría da súa oficina, que será responsable de facer as comunicacións ó seu responsable de proxecto e ó departamento de administración de Altia (en ningún caso chamará directamente ó cliente ó que estea asignado) dentro da primeira hora da xornada de traballo. É importante que se informe da data prevista de regreso ó traballo. A empresa poderá solicitar, ó seu criterio, a avaliación por parte da mutua do estado de saúde do empregado e solicitar, se é o caso, que a ausencia sexa xustificada mediante xustificante médico ou parte de IT.
Cando o traballador se atopa nesa situación durante un prazo superior a tres días, deberá solicitar ó seu médico de cabeceira na Seguridade Social o parte de baixa, e remitir ó departamento de administración de Altia o exemplar para a empresa no prazo máximo de dous días dende a súa expedición. Se a duración da enfermidade fose superior a sete días, o empregado deberá remitir semanalmente o correspondente parte de confirmación da baixa no prazo máximo de dous días a contar dende a data de emisión.
Os partes poderanse entregar na oficina do traballador ou adiantarse por fax ó número 881893708 e enviar o orixinal por correo postal a:
Departamento de Administración
Avda. da Pasaxe, 32 – 3ª Planta
15006 A Coruña
Cando o traballador recibe a alta médica, deberá remitir ó departamento de administración de Altia o exemplar para a empresa o mesmo día da súa expedición.
No caso de enfermidade leve, cando a súa duración non supere os tres días de ausencia ó traballo, non será necesario a presentación do parte de baixa na Seguridade Social, se ben o empregado deberá informar, en todo caso, da súa situación á empresa, quen poderá pedir o correspondente xustificante médico."

Dende o comité remitíuselle o escrito esta semana á empresa, quedando esta en dar unha resposta o próximo luns. Esperamos que a participación e pronunciamento dos traballadores sobre este tema a través do seu voto os faga recapacitar e que non sexa necesario iniciar o proceso de reclamación xudicial. 

Read more ...

domingo, 30 de marzo de 2014

Máquinas de auga da oficina

Debido ás numerosas dúbidas dos traballadores sobre a instalación da máquina de auga que se atopa na sala do café da oficina, pareceunos necesario darvos a información da que dispoñemos.
Hai uns meses, no Comité de Seguridade e Saúde, tratouse o tema do bisfenol A (composto que no organismo funciona coma un disrruptor endocrino). Preocupados polos problemas que segundo diversos estudios causa na saúde, sendo prohibido xa en varios países en envases alimentarios, comprobouse que as garrafas das máquinas instaladas na oficina o conteñen. A empresa suministradora das garrafas non dispoñía de envases libres de BPA, así que no
Comité de Seguridade e Saúde chegouse ó acordo de instalar unha fonte conectada directamente á rede de suministro. Esta contaría cun sistema de filtrado que, entre outras cousas, eliminaría cheiros e sabores, pero manteríanse as máquinas de garrafa ata comprobar o resultado da nova.
A razón de que se deixasen de repoñer as garrafas non foi comunicada pola empresa. Sabemos que moitas persoas están molestas por esta situación, especialmente tendo en conta os resultados da nova máquina, polo que se intentará buscar unha solución o antes posible.

Documentos máquina auga suxerida no CSS para instalación:
-Certificado de calidade
-Modelo fonte
-Tecnoloxía fonte
-W-3D
-Certificado libre bisfenol A



Read more ...

domingo, 23 de marzo de 2014

Novo desconto para empregados

Querémosvos comunicar unha nova incorporación ó grupo de empresas que accederon a facer descontos ós traballadores e a familiares directos. Trátase do grupo de gasolineiras Los Ángeles Gas, que nos dan dúas opcións (as dúas sen custo):

-Tarxeta LAG Bonocard: tarxeta de cliente cun desconto inmediato de 3 céntimos por litro. O desconto faise antes de pagar, polo que se pode usar con calquera medio de pago (efectivo, tarxetas que apliquen descontos ou dean puntos).

-Tarxeta LAG crédito: tarxeta de crédito con domiciliación bancaria que permite pagar a fin de mes aplicando o mesmo desconto de 3 céntimos por litro, aínda que neste caso, se o traballador fixese un consumo elevado, existe a posibilidade de que se lle fagan ofertas mellores (deberase negociar directamente con eles).

As gasolineiras do grupo Los Ángeles nas que aplicarán estes descontos son:
-E.S. Santa Comba.
-E.S. Lapido, Bertamiráns.
-E.S. Manzaneda, Os Ánxeles - Brión.
-E.S. Fontefría, Rois (km. 23 estrada Santiago-Noia).
-E.S. Compostela Amio, Santiago.
-E.S. Aeroporto Santiso, O Pino.
-E.S. El Pilar, Santiago.

Para solicitar este desconto será necesario entregarlles un impreso con tódolos datos que corresponda á tarxeta elixida.
Read more ...

luns, 17 de marzo de 2014

Situación do convenio de Consultorías

O Convenio de Consultorías encóntrase prorrogado por segunda vez, ata o 31 de marzo deste ano. Pronto chegará a data e se non hai prórroga o convenio decaerá e, segundo as últimas sentenzas, os traballadores que xa estean traballando baixo o paraugas do convenio manterían as súas condicións laborais e os novos que entraran na empresa poderían quedar totalmente desprotexidos. Sobra explicar que os baixos salarios cos que poderían ser contratados os novos traballadores financiarían facilmente os despedimentos dos traballadores que leven máis tempo na empresa. Incluso a redución salarial proposta pola patronal, dun 15%, serviría para o mesmo fin. 

En Madrid CCOO e UGT levan máis dun ano negociando o Convenio de Consultorías sen avances e sen preparar unha resposta ante a actitude da patronal que propuxo modificacións do convenio como as seguintes:
- A conxelación salarial do convenio desde o 2009.
- A Xornada máxima diaria pasaría de 9 a 10 horas.
- Horario de traballo desde ás 7:00 horas ata as 22:00 horas.
- Desaparición da xornada de 36 horas intensivas no verán.
- 270 horas de xornada irregular no ano.
- Mobilidade funcional. Propuxeron un novo sistema de clasificación profesional, ca correspondente estrutura salarial, distribuídos en grupos profesionais. Permitiría unha mobilidade funcional de forma arbitraria e con variación salarial.
- Novo sistema salarial para os traballadores. O salario dos traballadores que se encontren actualmente na empresa será o mesmo que o dos traballadores de novo ingreso en función do grupo. A diferenza, xunto coa antigüidade pasará a denominarse complemento sobre salario grupo.
- Desaparece o plus convenio e o plus de antigüidade.

A CIG, aínda que sen ter capacidade de negociación, presentou as súas propostas na mesa de negociación que se resumen nos seguintes puntos:
- A subida salarial do IPC incrementada en 1%. A utilización que as empresas realizaron das cantidades non abonadas, pola non actualización dos salarios do convenio nos últimos anos, é responsabilidade destas e non dos traballadores/as, aos cales non se lle pode seguir esixindo máis esforzos.
- Plus de turnicidade para o persoal afectado polos traballos en quendas, equivalente a 140 € mensuais por 14 pagas.
- Plus de nocturnidade. A CIG propón un incremento salarial do 25% para as horas realizadas entre as 22 e as 6. No caso de que se realicen catro ou mais horas nesa franxa horaria, o incremento aplicarase a toda a xornada.
- Complemento de dispoñibilidade. Non está previsto ningún tipo de compensación cando aos traballadores se lles esixe dispoñibilidade fóra do horario laboral, para solventar incidencias ou manter en funcionamento os servizos contratados pola empresa cos clientes. Consideramos imprescindible unha compensación económica equivalente a 50 € mensuais por 14 pagas.
- Transformación en indefinido dos contratos de prácticas. Habituais por parte das empresas do sector para a contratación de novos traballadores. Moitas destas contratacións non se transforman en indefinidos, aínda que non exista ningunha xustificación para eso. Esto leva a perda de persoal con experiencia e a traballadores/as que percibiron unha retribución moi inferior ás establecidas no convenio.
- Prestacións por enfermidade e accidente de traballo. Solicitamos que se complementen as prestacións dos seguros de enfermidade e accidentes de traballo, até o 100 % do salario durante un prazo máximo de doce meses, a partir da baixa. Incluído o 100% das pagas extras.
- Fomento e concreción do Tele-traballo.
- Melloras nos permisos retribuídos.
- Xornada laboral con entradas e saídas flexibles. Segundo as necesidades do traballador e coa finalidade de conciliar a vida laboral e familiar.
Read more ...

martes, 11 de marzo de 2014

Reunión do Comité 27/02/2013


Esta reunión comeza tratando o tema do cambio no manual de réxime interno da empresa, na que se fai unha modificación no procedemento a seguir no caso de ausencia do posto de traballo por enfermidade. Este cambio perxudica ós traballadores, xa que se pretende obrigar a que o segundo día que non se vaia a traballar xa se deba solicitar a baixa laboral, co que xa se contará coma un dos 5 días que non se cobrarán no caso de baixa, segundo o convenio aínda vixente, mentres que o primeiro día se entregará xustificante médico. Debido á relevancia deste asunto, e á reacción negativa xeralizada, os delegados da CIG, ante o aprazamento da convocatoria da reunión ordinaria, solicitamos unha reunión dos cabezas de lista de cada sindicato para tratar o tema e falar coa empresa antes de que o prazo de reclamación rematase, pero non se obtivo resposta dos outros membros do comité. Así pois, no momento de celebración desta reunión o prazo estaba a piques de rematar, polo que os delegados da CIG, co seu representante coma asistente na reunión, propoñemos que se solicite urxentemente á empresa que retire a modificación, e que para realizar algún cambio informe antes ó comité. O representante da CIG, para confirmar o prazo para realizar a reclamación no caso de que a empresa non retire os cambios, realiza unha consulta telefónica á asesoría da CIG, que lle advirten que se debe obter resposta da empresa antes do día 3 de marzo para que dea tempo a realizar a reclamación. Por todo esto, solicitamos ó presidente que chame ó representante da empresa para que se pronuncie. Despois de non ser posible contactar no momento da reunión, o día 28 o presidente do comité informa que lle trasladou a petición do comité ó responsable da empresa e que retiran o cambio no manual ata chegar a un acordo.
Por outra banda, poñemos tamén en coñecemento dos outros membros do comité a negativa da empresa coma resposta á nosa petición de que se revise o cálculo da primeira paga extra das novas incorporacións, incorrecto en determinados casos.
Outro dos temas tratados na reunión é a proposta de convenio de empresa. Chégase a unha proposta final con modificacións e aportacións dos diferentes grupos coa intención de presentarlla ós traballadores antes de propoñerlla á empresa.
Read more ...

mércores, 15 de xaneiro de 2014

Cálculo incorrecto de pagas extra

O pasado venres día 10 de xaneiro, os delegados da CIG remitimos un escrito ós responsables da empresa para indicarlles que detectamos un erro no cálculo das pagas extraordinarias dalgúns compañeiros o pasado decembro . Os traballadores afectados son os que se incorporaron á empresa na segunda metade do ano e que ademais non o fixeron o día un de dito mes, aínda que posiblemente o cálculo se fixo igual para aqueles que entrasen coas mesmas condicións na primeira metade do ano que tampouco traballasen todos os meses completos. Unha vez recibidas as nóminas, puidemos confirmar a equivocación para o primeiro caso, polo que procedemos a avisar á empresa para que o teña en conta nun futuro e que lles emitan unha rectificación ós afectados, así coma ingresarlles o importe que falte en cada caso.
O día 5 de febreiro a empresa comunícanos que a maneira na que se calculan as pagas extra é a mesma que se usou sempre, polo que non prevén modificacións sobre a mesma que impliquen o reaxuste que se lle solicitou. 
Na próxima reunión do comité de empresa, poñeremos en coñecemento dos demais delegados o acontecido para establecer unha postura común.

Read more ...

domingo, 12 de xaneiro de 2014

Reunión do Comité 05/12/2013

Un dos puntos importantes que os delegados da CIG estudiamos para tratar foi o dos contratos temporais. Ese tipo de contrato, tal e como na propia reunión o representante da CIG nos explicou a todos os asistentes, debe converterse en indefinido cando se cumpren os prazos de estar contratado 24 meses nun período de 30, ou 3 anos cando exista un só contrato. Para facilitar o cumprimento desta norma, fixemos unha revisión dos traballadores que se poden atopar nesa situación para que a empresa poida revisar a súa situación e modificala nos casos que sexa necesario.
Outro asunto pendente dende hai uns meses é o tratamento das horas de formación, que nesa xornada nós volvemos recordar, xa que seguen existindo diferencias na aplicación das 20 horas das que dispón cada traballador en función do proxecto ó que pertence.
Por outra parte, consultamos á asesoría da CIG sobre as cláusulas dos contratos que se están asinando nas novas incorporacións. Tal e como informa o representante da CIG, esas cláusulas son abusivas ou poden levar a interpretacións que o serían. Por ese motivo, solicitamos que se retiren, ademais de que o que están regulando está actualmente regulado.
Outro documento no que nós temos solicitado que a empresa rectifique é o manual de réxime interno, no tocante ás vacacións e á formación, e a empresa indicou na última reunión cos representantes do comité que o faría e que nos daba a opción de facer propostas.
Na anterior reunión do comité, os delegados da CIG quedamos en remitir a proposta de convenio de empresa na que estiveramos traballando ós demais membros do comité para que a puidesen ler. Debido a que non todos revisaron o texto para facer aportacións ou modificacións, posponse o tema ata a seguinte reunión, na que tanto eles coma nós poderemos facer os cambios que nos parezan adecuados.
Read more ...
Designed By